O Concello adxudicou os 85 proxectos do Fondo FEIL por valor de 43,2 millóns

O Concello adxudicou os 85 proxectos do Fondo FEIL por valor de 43,2 millóns

13/04/2009

Un total de 42 empresas resultaron adxudicatarias dos 85 proxectos que impulsa o Concello da Coruña, e que forman parte tamén do Plan Investidor Municipal 2009 para a cidade, na súa aposta por crear emprego e modernizar os barrios.


As primeiras obras con cargo ao fondo FEIL xa empezaron a executarse en varios barrios, por exemplo, na rúa Rosas e Claveles do Barrio das Flores, e pavimento e beirarrúas na rúa Pepín Rivero, ou melloras en Gambrinus e Pasteur no polígono da Grela.


Os 85 proxectos, que supoñen un investimento de 43,2 millóns de euros, realizaranse neste ano e teñen como obxectivo crear miles de postos de traballo directos e indirectos, ademais de mellorar os barrios da cidade. Entre as actuacións, encóntranse a renovación de gran parte da iluminación pública, as melloras en pavimentación, a continuación da rehabilitación do Grupo de Vivendas A Nosa Señora do Carme, renovación de xogos infantís en todos os colexios da cidade, cubrición de patios, construción de dous centros cívicos, diversas melloras en instalacións deportivas, centro de visitantes na Torre de Hércules etc.

 

Plan Investidor Municipal de 78,8 millóns


O Plan Investidor Municipal, dentro do que se inclúen os 85 proxectos FEIL, foi presentado polo alcalde, Javier Losada, como un grande investimento de 78,8 millóns de euros para este ano co fin de crear emprego e modernizar os barrios, respondendo o compromiso adquirido cos coruñeses para enfrontar a crise con todos os argumentos económicos posibles e para defender o benestar social e a calidade de vida da cidadanía.  


Javier Losada destacou as grandes cifras deste plan investidor, que cualificou de histórico, pois supón duplicar o investimento nun só ano, unha cifra nunca acadada ata agora e que permitirá executar dous orzamentos nun mesmo exercicio. Así, este ano invístense 78,8 millóns de euros en 317 actuacións que chegan a todos os barrios da cidade, a 523 rúas, a metade das rúas da Coruña. E crearanse 5.000 postos de traballo, entre directos e indirectos.

 

Unha rúa de 27 quilómetros de lonxitude


A magnitude do Plan Investidor Municipal, que recolle os investimentos do Orzamento Municipal, dos FEIL e dos Fondos Feder, queda reflectido nas citadas cifras globais, así como noutras concretas como as que seguen:

 

  • Este ano, grazas ao plan investidor, vanse pavimentar 275.700 metros cadrados de beirarrúas e calzada, máis que nos tres anos anteriores, nos que se sumaron 230.000 metros cadrados. Estes 275.700 metros cadrados supón pavimentar unha rúa de 27,5 quilómetros de lonxitude se se toma como medida unha vía tipo de dez metros de ancho. É dicir, o que sería unha rúa dende A Coruña ata Betanzos.
  • Este ano vanse renovar e instalar 4.423 puntos de luz, o que supón o 25 por cento dos puntos de luz que existen na cidade, uns 17.000.
  • Este ano vanse plantar 495 árbores na cidade, case tantos como os que se plantaron nos últimos dous anos (520). Supón plantar todo o arboredo dos xardíns de Méndez Núñez.
  • Este ano vanse crear, mellorar e renovar 54 áreas infantís, tantas actuacións como as que se realizaron nos últimos tres anos. Na cidade hai 85 áreas infantís.

Volver al Listado de Noticias