Javier Guerra asegura que a modificación da Lei de comercio interior dotará a Galicia dunha normativa actualizada e eficaz qu

Javier Guerra asegura que a modificación da Lei de comercio interior dotará a Galicia dunha normativa actualizada e eficaz qu

19/01/2010

  • Os cambios introducidos tamén cumpren cos obxectivos de simplificación administrativa requeridos pola Directiva, posto que “o procedemento para a obtención da autorización comercial autonómica integrarase no procedemento para ooutorgamento da licenza municipal de actividade”
  • Javier Guerra anunciou que o Goberno galego ten preparado xa “un texto integral regulador da actividade comercial que, ademais de incluír os artigos que hoxe son obxecto de debate e votación, dará resposta ás demandas dos comerciantes sen descuidar a protección dos consumidores e  aberto ás novas realidades e formatos comerciais”

 
Santiago, 21 de decembro de 2009.- O Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, salientou hoxe no Parlamento de Galicia, onde se debateu e votou o proxecto de lei de modificación da Lei10/88, de 20 de xullo, de Ordenación do Comercio Interior de Galicia, que os cambios legais introducidos “son unha mostra da vontade do Goberno da Xunta de dotar ao sector dunha normativa actualizada e eficaz” que, ao mesmo tempo, acada en prazo a obrigada transposición á Directiva Europea de Servizos e evita que
Galicia poida atoparse nunha situación de incertidume legal de negativas consecuencias para o equilibrio da oferta comercial.
 
O principal eixo da modificación da normativa ata o de agora en vigor deriva das disposicións que a propia Directiva establece na regulación da liberdade de establecemento e prestación de servizos, e que conectan co respecto ao interese xeral, de xeito que sexa compatible compatibilizar a liberdade de apertura cun axeitado ordenamento do territorio que favoreza o  desenvolvemento equilibrado e garanta o benestar de todos os galegos.
 
Esta modificación legal ven a garantir, unha vez se teña cumprido o prazo para a transposición da Directiva de Servizos Europea (fixado o 28 de decembro), a tramitación autonómica unicamente das licencias dos proxectos comerciais de incidencia supramunicial. Deste xeito, os establecementos comerciais que se instalen en solo urbano non consolidado ou solo urbanizable, cunha superficie útil de exposición e venta ao público superior aos 2.500 metros cadrados, deberán obter a licencia administrativa da Xunta que asegura o axeitado cumprimento das disposicións relativas ao interese xeral.    
 
Os cambios introducidos, apuntou o conselleiro de Economía e Industria, tamén cumpren cos obxectivos de simplificación administrativa requeridos pola Directiva, posto que “o procedemento para a obtención da autorización comercial autonómica integrarase no procedemento para o outorgamento da licenza municipal  de actividade”. Ademais, o réxime de autorización previsto na modificación garante a proporcionalidade e a non discriminación entre empresas, con independencia da súa nacionalidade, procedencia, características e formato”.
 
Javier Guerra aproveitou a súa presenza no Parlamento de Galicia para anunciar que o Goberno galego ten preparado  xa “un texto integral regulador da actividade comercial que, ademais de incluír os artigos que hoxe son obxecto de debate e votación, dea
resposta ás demandas dos comerciantes sen descuidar a protección dos consumidores e aberto ás novas realidades e formatos comerciais”.
 
O conselleiro avanzou que o novo texto regulará a creación dun Observatorio do Comercio Galego configurado como un órgano asesor, consultivo, de estudo e formación en materia de comercio; a posta en marcha dunha Mesa Local de Comercio, ampliamente demandada polo sector, que terá  funcións coordinadoras do traballo das asociacións coas administracións; definirá por primeira vez os Centros Comerciais Abertos; establecerá un control sobre a figura dos outlets, das promocións en xeral, e das rebaixas en particular; controlará a proliferación das Feiras de Oportunidades; e incidirá no urbanismo comercial regulando o uso comercial do solo.
 
Todas estas medidas complementaranse co plan de actuación  que a Consellería de Economía e Industria está a por en marcha para reactivar o comercio galego e que pivota sobre catro eixos de actuación: dinamización, potenciación, formación e ordenación.
Javier Guerra apuntou que a Xunta traballa  na Rede de Dinamización Comercial que permitirá descentralizar servizos para estruturar o tecido comercial, e xa está a potenciar a labor das asociacións de comerciantes e as figuras dos Centros Comerciais Abertos para acadar unha mellora do comercio de proximidade. Asemade, tamén se avanza na formación para dotar ao sector das ferramentas precisas para innovar, modernizar e mellorar as empresas.
 
O conselleiro de Economía e Industria pechou a súa intervención lembrando o compromiso do seu departamento e do Goberno da Xunta co comercio galego, e afirmou que a “modificación da Lei de Comercio Interior de Galicia aportará aos comerciantes galegos nova seguridade, xa que o establecido na Directiva debe ser adaptado á nosa realidade, e non pode quedar aberta unha vía de incertidume”.

 

 

Volver al Listado de Noticias