Javier Guerra presenta o Plan Ágora como a ferramenta que impulsará a dinamización definitiva do comercio coruñés

Javier Guerra presenta o Plan Ágora como a ferramenta que impulsará a dinamización definitiva do comercio coruñés

12/08/2010

O plan prevé a creación dun Observatorio do Comercio de Galicia como órgano asesor, consultivo, de estudo e formación en materia de comercio, e xa está en marcha a Rede de Dinamización do Comercio, proxecto pioneiro que se puxo en marcha por parte da Consellería de Economía e Industria, que actuará como enlace permanente da Xunta co sector

Economía e Industria ven de publicar recentemente no DOG a orde que destina 1,8 millóns de euros para a dinamización comercial de conxuntos históricos como o da Coruña

A Coruña, 09 de xullo de 2010.

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentou hoxe na Coruña ante representantes do sector o Plan Ágora, Agora Re-Comercia como unha ferramenta fundamental para relanzar e apoiar o labor estratéxico dos 64.000 coruñeses que traballan neste eido dotada dun investimento global de case 130 millóns de euros.

Javier Guerra apuntou que “estamos ante un sector estratéxico da nosa economía, non só na provincia da Coruña, como proban os 27.000 comerciantes que xeran 64.000 postos de traballo, senón en toda Galicia, porque son máis de 45.000 comerciantes os que xeran arredor de 110.000 postos de traballo e que supoñen máis do 30% do tecido empresarial galego e máis do 10% do noso Produto Interior Bruto; un sector cun gran potencial que temos que poñer en valor”...

O conselleiro de Economía e Industria salientou ademais que o sector comercial coruñés ven de recibir subvencións por un valor global superior aos 7 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia destinadas, en gran medida, a reforzar o papel das asociacións de comerciantes e a dinamizar o comercio rural. Javier Guerra destacou tamén que o seu departamento ven de dar luz verde a unha orde axudas de 1,8 millóns de euros para a dinamización comercial de conxuntos históricos como o da cidade da Coruña, “unha provincia que conta con 32 prazas de abasto e 60 asociacións de comerciantes, aos que prestamos toda a nosa atención”


O conselleiro de Economía e Industria trasladou ao sector coruñes os tres obxectivos básicos do plan: un comercio que reforce o seu potencial dinamizador, un comercio que vertebre e un comercio que medre a través dun esforzo colectivo. No tocante ao primeiro obxectivo, Javier Guerra afirmou que o comercio constitúe unha actividade económica cun gran potencial e capacidade de dinamización da zona na que se desenvolve, tanto nas grandes cidades como nos núcleos de poboación máis pequenos, e por iso insistiu en que o seu departamento vén de publicar no DOG unha orde de axudas de 1,8 millóns de euros para a dinamización comercial dos conxuntos históricos.


Javier Guerra salientou que o Plan Ágora, Agora Re-Comercia permitirá á Xunta seguir traballando na procura da excelencia e a mellora da capacidade de crecemento do sector, incrementando a oferta comercial, mellorando a relación calidade-prezo a partires das vantaxes competitivas que ten Galicia, adaptándonos ás demandas dos turistas, mellorando a imaxe dos nosos establecementos comerciais e facendo máis promoción do comercio de Galicia, ou celebrando actividades lúdicas que exerzan un efecto de atracción cara aos centros comerciais.


No caso do comercio rural, o conselleiro destacou o reto de recuperar o potencial dinamizador dos mercadillos regulados, os mercados municipais ou as prazas de abastos revitalizando instalacións como, por exemplo, os recintos feirais, o que implica unha estratexia comercial baseada na cooperación por parte de todos os actores implicados na política comercial.
Con este fin, Javier Guerra anunciou a creación do Observatorio do Comercio de Galicia como órgano asesor, consultivo, de estudo e formación en materia de comercio, que xunto coa Rede de Dinamización do Comercio, proxecto pioneiro que se puxo en marcha por parte da Consellería de Economía e Industria, que actuará como enlace permanente da Xunta co sector, establecerán medidas de formación, asesoramento e de promoción da calidade, preto dos propios comerciantes e dun xeito accesible.

 

Vertebrador


O conselleiro trasladou aos representantes do sector que o Plan Ágora, Agora re-Comercia xoga tamén un papel vertebrador, posto que o comercio de proximidade funciona como un eixo de vertebración socioeconómica grazas á súa capacidade de xeración de emprego e de volume de negocio, ademais de desenvolver un papel fundamental na cohesión e dinamización das nosas vilas e cidades. Neste sentido, explicou que o Goberno galego avoga por adecuar a estrutura comercial ás particularidades territoriais, sociais, culturais e económicas de Galicia.


Deste xeito, o Plan outorgará un protagonismo especial ao pequeno comercio co que se prevén colaboracións e convenios cos diferentes axentes implicados no sector, co obxectivo de deseñar actuacións máis axustadas ás necesidades reais do sector. Por outra banda, tamén se prevén diferentes liñas de financiamento aos investimentos de pemes e autónomos, así como un amplo abano de subvencións destinadas á mellora da xestión comercial, á reforma dos establecementos, á incorporación das novas tecnoloxías, á comunicación, á mellora da profesionalización do sector, a novas fórmulas comerciais que promovan o aprovisionamento no rural e á cooperación empresarial que permita crear estruturas con sistemas de xestión compartidos. Javier Guerra subliñou que o Plan Ágora, Agora Re-comercia é un plan moi demandado, polo que se erixe como unha solución específica a un sector fundamental para a xeración de riqueza e emprego en Galicia, que conta co apoio dos principais actores implicados no sector, e por iso “non permitiremos que ningunha boa idea quede sen levarse a cabo por un problema de financiamento”, aseverou.


Para acadar a necesaria reorganización e adaptación deste sector, así como o seu definitivo relanzamento a estratexía da Consellería de Economía e Industria pasa polo traballo en rede e a colaboración de “comercios, concellos, federacións, asociacións, cámaras de comercio, deputacións e Xunta estamos chamados a traballar para acadar este obxectivo, porque cooperando, sumando e non restando, somos máis fortes”.

 

Pincha aquí para Descargar el Plan Ágora 

Volver al Listado de Noticias