Aquí está Marineda City, un novo golpe para o pequeno comercio do barrio

11/04/2011

Houbo un tempo no que comprabamos de todo nas librarías de Angélica en San Jaime, na de Fátima, na de Raúl, na de Arsenio na Ronda de Outeiro, na de San Isidoro e na que estaba a carón da igrexa de San Rosendo. E se isto non nos chegaba, iamos a Cousas na esquina da praza da Sagrada Familia. As lambetadas eran cousa de Gretel na rúa Ntra. Señora da Luz ata que pechou o Colexio Atlas II. Comprabamos materiais de todo tipo de manualidades en Cardenal Cisneros, onde agora está a Farmacia. Tiñamos material deportivo na Sagrada Familia esquina San Isidoro. Iamos ao videoclub Pirámide na esquina Avda de Arteixo - R. Outeiro ou ó Santa Margarita en San Isidoro.

 

Tiñamos a reloxaría-xoiaría da Sagrada Familia zona Ntra. Señora da Luz que nos arranxaba todo tipo de reloxos. Podiamos comprar todo tipo de produtos de alimentación nas tendas nas que había de todo na Sagrada Familia, Sarxento Provisional e na sempre abarrotada Praza de San Jaime. Tiñamos froitarías e carnizarías varias.. Tiñamos varios técnicos en San Jaime e Avda. Arteixo que nos alongaban indefinidamente a vida dos nosos televisores, vídeos e demais aparatos electrónicos.. pero todo isto era noutra época.

 

A Sagrada Familia - Os Mallos nunca se caracterizou por ser unha zona comercial equiparable por exemplo co centro da cidade, pero aínda así, tiña as súas típicas tendas de barrio cos seus clientes (nós) de toda a vida. Había confianza, bo trato, algunha que outra discusión e cada un era un experto na súa materia, ou polo menos, parecíao. Pouco a pouco moitos destas tendas foron pechando deixándonos rúas baleiras e sen vida. Os primeiros supermercados (ALDI/GADIS e CLAUDIO) reorganizaron a forma de comprar na época, eran unha feroz competencia para as tendas de sempre, aínda así moitos comerciantes aguantaron bastante ben a competencia pola fidelidade dos seus clientes que alternaban ambas as dúas formas de comprar. Logo chegaron FAMILIA e DIA, uns supermercados que asestaron un duro golpe para as tendas de alimentación e para a praza de San Jaime, era imposible competir contra estes prezos e iso motivou o inicio do declive.

 

Agora na cidade temos unha espectacular competencia para comprar, podemos facelo nos centros comerciais de Catro Camiños, Los Rosales, Espacio Coruña, Dolce Vita e Marineda City, ademais de Carrefour, Alcampo, Opencor, El Corte Inglés, Mercadona, Eroski, etc.. Unha enorme variedade, máis da que realmente necesitaría unha cidade como a nosa, que fai pagar un enorme prezo aos nosos barrios: baixos baleiros e abandonados, rúas semidesertas sen movemento e sen vida nas que se incrementa unha barbaridade a sensación de inseguridade.. Dise que os grandes centros comerciais dan traballo a moita xente, e así é, pero.. cantas persoas se foron ao paro polo peche do pequeno comercio da cidade?

 

En Coruña dedicámonos tanto aos centros comerciais que nos esquecemos dos nosos veciños, das nosas tendas especializadas, das nosas rúas e dos nosos barrios. Fomos en masa aos grandes centros e fóisenos das mans. Para que o barrio manteña a vida que aínda lle queda, deberíamos intentar non ter ós grandes centros comercias como único eixo das nosas compras, é esencial que merques tamén no pequeno comercio, aínda que sexa de cando en vez.

 

Jose Lopez


------

Échale un vistazo al pequeño comercio del barrio, comerciantes y vecinos asociados a través del Distrito Mallos. Miles de vecinos ya tienen la tarjeta cliente amigo con la que obtener diferentes premios y vales de compra solo por comprar en comercios del barrio. Recuerda que también tienes parking gratuito si compras en comercios asociados.

Pasea por Los Mallos

Volver al Listado de Noticias